O PROCESO CREATIVO
9 de Febreiro de 2009Mentres nós vivimos mergullados no remuíño da creación, os Catro Ventos e os temporais levan as follas do calendario.
Horas e máis horas de ensaio. Risas, suor, ideas desbotadas, ideas que callan, ideas transformadas… Horas e máis horas de produción, papeis por encher, papeis por entregar, correos por enviar…
Polo Leste vén chegando… OVAY.

Quique Peón
6 de Febreiro de 2009
A súa actividade profesional céntrase na investigación etnográfica de Galicia, con especial atención á danza tradicional, na teima de conservala, divulgala, dignificala e colocala no lugar que lle corresponde dentro das artes escénicas. Froito destas ideas e do seu traballo de campo son os centos de melodías e danzas que ten recuperadas, e a súa longa traxectoria como bailarín e profesor de baile e música tradicional galega nas agrupacións máis sobranceiras e prestixiosas do pais, entre as que destaca o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, que dirixe dende o ano 1981, e co que acadou importantes premios estatais e internacionais.
O seu traballo como coreógrafo especializado en cultura tradicional levouno en 2007 a contactar co mundo da danza contemporánea, realizando labores de asistente coreográfico con Mercé de Rande e formando parte do elenco do Kiosco das almas perdidas, producido polo Centro Coreográfico Galego e dirixido por Roberto Oliván.
Hoxe en día, Quique Peón compaxina a súa faceta de investigador, intérprete e docente no eido tradicional coas súas inquedanzas interpretativas e as novas experiencias na danza contemporánea, convencido de que o bailador galego é un verdadeiro artista e o folclore de Galicia unha excelente fonte practicamente sen explorar na escena moderna.